In ascolto tramite Spotify In ascolto tramite YouTube
Passa al video di YouTube

Caricamento del lettore...

Esegui lo scrobbling da Spotify?

Collega il tuo account Spotify a quello di Last.fm ed esegui lo scrobbling di tutto quello che ascolti, da qualsiasi app di Spotify su qualsiasi dispositivo o piattaforma.

Collega a Spotify

Elimina

Non vuoi vedere annunci? Effettua l'upgrade

O Nordestazo arrasou en Malpica

Sab 30 Jul – Nordestazo Rock
Unha noite para recordar. Malpica parecía o sábado unha pota a presión, un ir e vir de xente que puido ata superar en afluencia ás Festas do Mar. Os festivais, en xeral, gozan de boa saúde. Pero este creceu de forma exponencial. Conseguir unha mesa en calquera terraza estaba complicado e encher o estómago para aguantar toda a noite de baile converteuse case en misión imposible.

A axenda dos tralleiros, como se lles coñece aos amantes do Nordestazo Rock, comezou moito antes de caer a noite.

A organización repartiu ao mediodía, e de forma gratuíta, 500 racións de sardiña, cuxo cheiro impregnou cada rueiro de Malpica. Despois chegaría Peter Punk cun espectáculo para os máis pequenos e de aí a gozar do sol, que tampouco quixo perderse a cita logo de aparecer máis ben pouco durante o mes de xullo. En Area Maior as cremas solares e as marcas vermellas de peles pouco bronceadas compartiron escenario con Skarallaos, que puxeron o ritmo antes dunha reconfortante ducha.

O medio milleiro de socios da asociación luciron as camisetas do Nordestazo, algunhas ata tuneadas con purpurina, cortes en lugares estratéxicos e tachuelas, demostrando que a moda festivalera non é só cousa das noites de Eivissa.

Primeiros acordes

Os primeiros acordes soaron coa Banda do camión, un grupo moi ligado á historia do Dépor. Eles deron a benvida a un público que se foi animando para dar a gran benvida a Recambios Tucho. Malpica ten un feeling especial cos Heredeiros dá Crus e onte volveu demostralo cos posuidores do seu legado. Na vila aínda se recorda con nostalxia o concerto dun grupo de cabeceira para moitos e, se cadra por iso, as primeiras filas estaban entregadas á causa deixándose a garganta en cada tema. Na parte de atrás, había quen prefería seguir o concerto conversando a pé de barra, e ata nenos de gardería aos ombreiros dos seus pais recibindo as súas primeiras leccións de rock, inconscientes de que, quizais, a faísca entre os seus proxenitores xurdiu no mítico concerto dos Inimigos hai case unha década.

Tras varios bises do rock irreverente dos barbanceses, chegou a quenda ao cabeza de cartel. Nada máis chegar a Galicia, os arxentino-colombianos Che Sudaka tiñan unha cita en Taragoña, onde degustaron tortilla de patacas e lacón galego, «un manxar», segundo a banda. A de Malpica era a última cita na comunidade, antes de percorrer media Europa con festivais en Alemaña, Bélxica, Italia, Francia e Holanda.

Para o final do concerto quedou o son máis electrónico, o de Estereotypo. Os cántabros pecharon o Nordestazo Rock de Malpica con bo sabor de boca, movendo a pista ao seu antollo e ante un público incansable. Tanto, que ao finalizar o festival continuou de festa ata o amencer polos pubs da localidade.

Charli Branco, o portavoz da organización destacou o número de acampados na zona de Canido e unha afluencia que superou as expectativas máis favorables: «Rematamos o xeo, a bebida, a sardiña… ¡todo!». Na caseta de compra de boletos un cartel dicía: «Non pases sede», e os tralleiros tomáronllo ao pé da letra.

Un paso adiante

O Nordestazo Rock deu este fin de semana un paso adiante no que a organización se refire e, o máis importante con beneficios nun ano especialmente complicado no económico. «Saímos adiante grazas a que fixemos as cousas ben e a continuidade está garantida», conclúe Branco.

Como di un tema de Che Sudaka, «hai momentos que che marcan a vida». Quizais non tanto, pero a noite do sábado si marcou un antes e un despois no verán malpicán. Así pois, que o Nordestazo Rock siga soprando con toda a súa forza por moitos anos máis.

Non vuoi vedere annunci? Effettua l'upgrade

API Calls